sábado, 17 de mayo de 2008

Xosé María Álvarez Blázquez

A figura elixida pola Academia para o Día das Letras Galegas 2008 é unha das máis polifacéticas da nosa literatura. Poeta, narrador, editor, historiador, arqueólogo, orador, pedagogo... A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez a prol da cultura abrangueu tantos campos e tan diversos que non resulta doado resumir o seu legado en poucas palabras.


Ao ver que non tiñas nome
maxinamos que serías
ventureiriña do monte.

Froleciña ventureira
que- ao millor- nasceu co orballo
nunha luzada de estrelas.

Como andabamos a rir
-ventureiriña do monte!-
chamámoste “Colorín”.

Roseira do teu mencer (1950)



Era un airiño soave
que se ergueu pola mañán
e viña de non se sabe.

Era un recendo de rosas
de roseira de ningures,
que se meteu pola porta.

Era unha cantiga leda
que nascía non sei onde
e petaba na fiestra.

Era unha gracia sotil
que baixaba das estrelas...
Eras ti!


Xosé María Álvarez Blázquez (Tui 1915 - Vigo 1985), foi un escritor polifacético (poesía, narrativa e ensaio), amais de arqueólogo, investigador e editor que manifestou en todo o seu quefacer unha vontade de compromiso firme co país e coa cultura galega.

Como poeta, cómpre destacar os seus libros: Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancionero de Monfero (1953) e Canle segredo (1976). Como narrador, en galego é autor dos contos Os ruíns (1935) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971).

A súa figura tivo un papel central na creación das editoriais Monterrey e Castrelos, fitos fundamentais para a normalización da nosa cultura nos duros anos do franquismo.

Alén diso o seu labor como investigador en temas literarios e arqueolóxicos foi moi salientábel. En literatura, son de subliñar as súas achegas ao estudo da lírica medieval galega e á dos Séculos Escuros; no ámbito arqueolóxico, os seus traballos sobre o a prehistoria e a romanización son especialmente relevantes.

Editorial Galaxia

No hay comentarios: