sábado, 17 de mayo de 2008

Declaración de Principios dos Netos de Arzúa

Os Netos de Arzúa, con motivo da celebración do día de internet o 17 de maio de 2008, subscriben a presente declaración, de acordo cos principios expresados no Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información de Xenebra no 2003.

Declaramos o noso desexo e compromiso comúns de construír unha Sociedade da Información centrada na persoa, integradora e orientada ao desenvolvemento, en que todos poidan crear, consultar, utilizar e compartir a información e o coñecemento, para que as persoas, as comunidades e os pobos poidan empregar plenamente as súas posibilidades na promoción do seu desenvolvemento sostíbel e na mellora da súa calidade de vida, sobre a base dos propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas e respectando plenamente e defendendo a Declaración Universal de Dereitos Humanos.

Recoñecemos que a educación, o coñecemento, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos. É máis, as tecnoloxías da información e as telecomunicacións (TIC) teñen inmensos repercusións en practicamente todos os aspectos das nosas vidas.

O rápido progreso destas tecnoloxías brinda oportunidades sen precedentes para atinxir niveis máis elevados de desenvolvemento. A capacidade das TIC para reducir moitos obstáculos tradicionais, especialmente o tempo e a distancia, posibilitan, por primeira vez na historia, o uso da potencial destas tecnoloxías en beneficio de millóns de persoas en todo o mundo incluídas as que integran e desenvolven a súa actividade nas nosas aldeas e cidades.

Temos a firme convición de que estamos a entrar colectivamente nunha nova era que ofrece enormes posibilidades, a era da Sociedade da Información e dunha maior comunicación humana. Nesta sociedade incipiente é posíbel xerar, trocar, compartir e comunicar información e coñecemento entre todas as redes de telecomunicacións do mundo.

Estamos decididos a proseguir a nosa procura para garantir que as oportunidades que ofrecen as TIC redunden en beneficio de todos os nosos cidadáns e estamos de acordo en que, para responder a tales desafíos, todas as partes interesadas debemos colaborar activamente para ampliar o acceso á infraestrutura e ás tecnoloxías, así como á información e ao coñecemento, fomentar a capacidade das redes de telecomunicacións, reforzar a confianza e a seguranza na utilización das TIC, crear un contorno propicio a todos os niveis, desenvolver e ampliar as aplicacións TIC, promovendo e respectando a diversidade cultural.

Acordamos que estes son os principios fundamentais da construción dunha Sociedade da Información integradora e subscribimos esta "Declaración de principios para construír a Sociedade da Información, para o xeral coñecemento dos cidadáns.

En Arzúa. a 17 de maio de 2008.

No hay comentarios: