Eu recibín os meus poderes de Merlín e heillos pasar no seu momento a quen me deba suceder. A maxia é unha substancia de liberdade que se reencarna en homes e mulleres de distintas épocas e lugares afastados. ¿Quen son eu nesa longa cadea? A penas un nome e un rostro, por tras dos cales tomaron vida os poderes e os soños de Merlín.
Teño un amigo mago, que anda polas festas divertindo á xente coa arte endemoniada das súas mans prodixiosas. E o primeiro que coñezo personalmente e co que teño falado das cousas que fai e das que ainda quere facer no futuro. No fondo é un poeta. E como tódolos poetas ten a dobre condición do soñador e do finxidor. Soña que mete un dólar polo bico pequeno dunha botella, que lle dá de beber a máis de trescentas persoas co contido dunha xarra, que salva a cabeza dun home despois de lla pasar por baixo da coitela terrible dunha guillotina... Pero sabe moi ben que todo é finxido. Como a door do poeta. Supoño que lle quedará o consolo de saber tamén que esa é a condición de toda arte, e que el é artista.
Carlos Casares
No hay comentarios:
Publicar un comentario